martes, 23 de septiembre de 2014

Un café para o resto da vida

Tomar un café era, simplemente, algo máis nun día rutinario, mais agora mudara de significado. Dun día pra outro, sen pensar. Desas sorpresas que non sabes que a vida che ten gardadas. Pois así, a hora de ir tomar o café non daba chegado, e mentras o tomaban o tempo parecía correr máis de présa, sen darlles tempo a compartir todo o que desexaban. Por este motivo comezaron a compartir máis momentos...

E agora chegara o momento de tomar a decisión. 
Ambos compartían a idea aínda que nunca a expresaran. Pero era evidente. 
Incluso sen palabras, os dous manifestaban os seus sentimentos mutuos en cada penetrante mirada, en cada sutil caricia, en cada amplo sorriso...

Os dous deron o paso e sen importar o que dirán ou a quen lle gustase, firmaron compartir a súa vida ata o último dos seus días.
Firmaron compartir, un café para o resto da vida...


María
.

[Adicado a Mary Ojea e Pedro no día da súa voda. 20/09/2014. Que sexades moi felices, que todos o merecemos.]


domingo, 21 de septiembre de 2014

Historias sen final VII

- Hoxe remata -dixo Adrián coa voz algo tristeira.
- Pero valeu a pena -contestou Anxo ao seu carón.
Estaban os seis sentados na area, mirando coma hipnotizados o vaivén das olas do mar.
Corría unha leve brisa e o sol xa comezaba a esconderse.
Ao día seguinte cada un deles volvería ao seu lugar de orixe, e a época de descanso chegaba á súa fin un ano máis. Sabían que ocorrería, levaba sucedendo así xa había unha década. Dende aquel campamento ao que acudiran con dez anos e no que entablaran tan boa amizade, decidiran seguir xuntándose cada verán para vivir novas aventuras. Ningún deles faltara nunca e no seu décimo aniversario decidiran esgotar ata o último raio de sol daquel verán.
- Valeu. Vémonos o ano que vén, non rapaces? -preguntou Xoel sabendo xa a resposta.
 - Iso nin o dubides -respondeu Alberto- Ainda nos quedan moitas festas que facer!
- Pois entón aquí xa acabamos por hoxe, imos tomar unhas cañas? -arrincou a dicir Tomás.
Ningún deles levou a contraria. Colleron os seus bártulos e marcharon entre risas cara "o bar de sempre".


María
.
*Foto cedida por J. M.

Seguidores